miércoles, 2 de febrero de 2011

Álvaro Cunqueiro entre aniversarios

                        ÁLVARO CUNQUEIRO ENTRE ANIVERSARIOS
                                                          
Quere vostede ser feliz lendo un libro? Colla algunha das novelas de Álvaro Cunqueiro, lea e deixe que o engaiolen a humanidade dos personaxes, a capacidade do autor para crear mundos, a maxia da narración, os retrincos da lingua e a fascinación das imaxes. Non importa que xa as lera, volva a elas e atopará, aínda, máis felicidade.

Quere emocionarse coa percepción do sutil e do non evidente? Quere conter o alento na suspensión do instante? Quere penetrar no universo das cantigas e dialogar con mitos medievais? Lea ou escoite a poesía de Cunqueiro e, se cadra, a vida xa non será igual, porque terá accedido a un territorio a salvo da crispación e a crise.

Quere sorprenderse, divertirse, participar da fábula? Quere compartir historias cos amigos? Quere rir ata escachar? Busque nos libros de relatos de Cunqueiro, en particular Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes e seguro que o corpo lle pedirá a Escola de menciñeiros.

Quere coñecer o seu país e descubrir algún trazo particular do lugar no que vive? Lea os libros de artigos de Cunqueiro El Pasajero en Galicia ou Los otros caminos.

Quere saber a razón pola que para os galegos, as partes do porco teñen nomes que semellan os das provincias do Imperio Romano? Quere comprender o noso ser a través da cociña? Velaí a literatura gastronómica de Cunqueiro, en particular Viaje por los montes y chimeneas de Galicia, de autoría compartida con J. M. Castroviejo.

Quere saber que sucedeu en Elsinor? Pois acuda á representación da obra O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, da compañía Sarabela.

Van 100 anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro e 30 do seu falecemento. Boa ocasión para ler a obra toda, galega e castelán, deste extraordinario escritor que comprendeu a importancia dos soños e, tamén, que a literatura axuda a un existir máis intenso e máis pleno.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario