jueves, 24 de marzo de 2011

UNHA ESPIRAL MAIOR

                                   
Non sei as razóns, pero dáme que hoxe son mellores tempos para a poesía que aqueles nos que Golpes Bajos popularizou o de malos tiempos para la lírica. Digo que non sei as razóns, pero si percibo síntomas e resultados. Hoxe, o incremento de recitais poéticos vai acompañado da resposta de público, asiduo neste tipo de actos, sexan en local público ou privado, en café ou rúa, na carnicería ou na praza de abastos. A sensación é que en canto alguén se pon a recitar, a xente que circula arredor transfórmase en cómplice, escoitando atenta e con emoción. Cando a palabra sae e procura a comunicación, prodúcese unha espiral emotiva que tece fíos invisibles de relación.
Non sucede o mesmo coa poesía lida. As editoriais ofrecen o balance de resultados e as cifras económicas dos libros de poemas redúcense cada ano. Son varias as coleccións que temos: están Galaxia e Xerais, manteñen o seu ritmo Libros da frouma e a editorial Linteo; poesía publican Positivas, Bourel e a editorial Bubela; temos a colección Arte de Trobar do PEN CLUB, algo traballa Toxosoutos e, en Ourense, iniciou o seu camiño a editorial Franouren; poesía publica tamén esta casa de Biblos, na súa colección Mandaio.
Pero se hai unha editorial que, dende unha aposta firme e arriscada, mereza un recoñecemento público de todos, esta é Espiral Maior. Dirixida por Miguel Anxo Fernán Vello coa colaboración de Amparo Manteiga e unha traxectoria de anos, a colección principal chegou, no trimestre pasado, ao título 235. Practicamente todas as voces que fan posible ese momento ao que me refería no primeiro parágrafo publicaron nesta editorial, nela fíxose visible a renovación que supuxo a achega de mulleres aínda novas, nunha literatura, de sempre, masculina.
Mentres agardamos pola publicación do novo libro de Pilar Pallarés, que verá a luz nesta editorial, quixera eu recomendar tres títulos de tres mulleres, publicados nos últimos meses: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val; Animal Abismo, de Diana Varela Puñal e A frecha azul do teixo, de Eva Veiga. Os tres son libros fermosos, pero, ademais, apostando por eles, estará apoiando a creación dunha Espiral Maior, que consolide e confirme que estes si son bos tempos para a lírica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario