jueves, 24 de febrero de 2011

A FRECHA AZUL DO TEIXO

PRESENTACIÓN LIBRO: A FRECHA AZUL DO TEIXO/ EVA VEIGA
Portas Ártabras.- 11 de febreiro 2011

1.- Agradecementos. Alegría de compartir a mesa con amigos (Eva, Teresa Seara e Miguel Anxo Fernán Vello). Emoción de volver a estar con Eva presentando un libro seu.

2.- Dende o mes de xaneiro ata o mes de xuño do pasado ano, Eva e máis eu gozamos do privilexio de ter un espazo na radio galega, os sábados polas noites, para falar de poesía. Non iamos sós, introducíronnos no vagón dun expreso de media noite, como se non nos visen capaces de conducir o noso propio tren ou como se albergasen algún temor; pero aínda así, conducidos por Pepe Carreira, fomos quen de manter intacta a nosa liberdade e falamos do que nos pareceu, entre nós e cos convidados que ao programa acudiron cada semana.

A crise provocou o final da nosa colaboración e quedamos sen programa, cando en setembro se iniciou a nova xeira de programación para a temporada.

Coñezo a Eva dende hai anos, dende aquela entrevista que me fixo no ano 1988, no programa Mesa Reservada. Durante un tempo, apoucados os dous, viámonos polo barrio no que viviamos e non nos falabamos, só nos saudabamos, pero cando prendeu a forza da amizade esta levounos a compartir un territorio de complicidades múltiples, máis alá da xeografía veciñal das Atochas e do Monte Alto, territorio do afecto no que a poesía xogou e xoga un papel determinante.

Teño falado moito con Eva de poesía. Temos falado moito da súa poesía e da miña. Pero nos meses nos que compartimos experiencia radiofónica, confirmei algo que xa sabía, comprobei cal é a verdadeira dimensión da poesía para Eva, porque hai tempo sospeitaba que, para ela, como para William Blake: a poesía é o verdadeiro ser humano, e o corpo, a forma exterior da muller e do home, deriva dese feito poético.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla facía coincidir vida e poesía. Para el a poesía existe independente do home, agardando por quen a descubra, pero cando se dá esa relación, cando o ser humano a coñece, ela pasa a ser o elemento principal da súa vida, daquela vida e poesía rematan por se fundir no ser, transformándose no ser mesmo. Algo así sucede con Eva.

O programa de radio ofreceume a posibilidade de observar e afondar neste e noutros aspectos da  relación entre vida e poema en Eva. Sempre era dela o parágrafo que nos permitía situar a obra e a personalidade do noso convidado, dela a frase que, como unha iluminación, reflexionaba sobre a morte e a vida, sobre a condición do ser humano, sobre as nosas circunstancias. Velaí senón estes extractos dalgúns daqueles 15 guións, que poderían formar un texto harmónico e homoxéneo:

“Somos, ao cabo, un efecto da luz solar, pero tamén brillamos con luz propia e distinta, pois somos mentes, espíritos ou almas que disipan a escuridade, que alumean ámbitos novos do universo.

Porque en certo sentido, podemos considerar as palabras como lanternas que proxectan a súa luz sobre o mundo, con elas abrímonos paso pola vida.

E hai versos nos que sentimos o latexo ou vibración do paxaro que sae do niño e emprende o voo no que medrará. Ese latexo, que case diriamos sinónimo de tenrura e de vulnerabilidade, é porén, potencia vital, é síntoma, é ritmo, comunicación e resonancia, estremecemento. Contacto profundo, dramático, fascinante, do ser con esa luz misteriosa que aniña no máis íntimo da materia.          Materia que é espírito, como acontece co noso corpo. Porque o corpo é o lugar do acontecemento, lugar do desexo que habita os pregues da materia que se estende en estado de fusión”

E aquí -digo eu- estaríamos de novo en William Blake e en Fernando Pérez-Barreiro.

3.- Todo isto non é algo afastado deste libro que hoxe presentamos, A frecha azul do teixo.

Quixera, antes de nada, chamar a atención sobre a ilustración da capa de Alfonso Costa, curva de arco que se tensa e xoga dándolle cor ao aire.
Porque hai moito do libro nesta imaxe. A imaxe ofrécese lixeira e núa, cóncava nun baleiro interior de luz e de cor e así son os poemas de Eva neste libro que puido ter por título “Anatomía da ausencia”, que tamén sería magnífico e acaído ao que estamos a dicir. Non sei se foi con ela ou con Teresa, ou quizais coas dúas, que falei de que Eva xoga aquí a ser a escultora que vai desprendendo anacos de material innecesario, ata deixar a peza baleira por dentro, leve pero enteira na súa relación co aire ao que dá forma. Esa foi unha das teimas de Eva neste poemario, baleirar o verso de palabras ata o límite, deixando, unicamente, o esencial, estes poemas ocos de material superfluo, pero non de materia poética e de vida, poemas que actúan coma frechas que moven o aire e nos revelan a cor azul do teixo.

4.- Este libro é a expresión dun proceso que todos vivimos, que todos compartimos, ese proceso que nos leva da confusión e da incredulidade diante da evidencia da perda do ser máis querido, á dor máis fonda cando sentimos a dimensión do baleiro, ata o acougo de saber que tivemos a sorte de compartir os días con ser tan marabilloso.
Neste caso, é a morte da nai, Sara, o que provoca este proceso ao que xa se referiu Teresa Seara no limiar e na súa intervención de hoxe.
Eu quixera pois, reflexionar brevemente sobre outro aspecto do libro, que comunica ou conecta esta Frecha azul do teixo coa obra anterior de Eva.

Eva sempre tivo consciencia de pertencer a unha estirpe de mulleres vinculadas á auga –a primeira luz- e á terra, ela que foi do mar ao río e do río a unha fonte clara, ela que sente e quere pisar descalza, a terra branda e a follaxe do outono que é morte e vida a un tempo. A avoa Amparo, a nai Sara, as irmás Emilia e Berta, pero tamén as fadas, meigas e donas dese territorio orixinario do Eume, da Fraga son a liña desa estirpe (eu recibín dela a memoria de Xelda a Dama, de Zumelda, de Aldonza Camba ou de Saura Rosa Berenguela, nomes de mulleres do país cos que escribín un conto de vida e de morte). Todas forman parte desa liñaxe á que tamén Eva pertence, ela, que leva como proba baixo as unllas, a terra amortizada co sangue nobre dos homes e mulleres da súa estirpe: “Ser dun lugar do que nunca sairemos de todo, porque na transparencia das súas paredes pervivirá a pegada do noso alento e das nosas mans” –tamén palabras súas para a radio-

É isto algo do que se decatou hai tempo e que se foi afirmando como parte esencial de si mesma. Algo que xa se intúe nalgún dos poemas de Fuxidíos, o seu primeiro libro. A avoa Amparo e a nai sempre presentes en toda a súa obra, ás veces de maneira explícita, outras só intuídas, como roseiras que se abren.

Con elas vén mantendo un diálogo permanente ao longo dun tempo que quizais non existe, a través do instante, máis alá da súa corporeidade, porque elas forman parte deses benfeitores da humanidade que Eneas atopa nas portas do Hades.

         “Hei de vir Amparo, a cabalo do vento”

Escribe en Fuxidíos. E para Amparo, a avoa, esa muller coa que conviviu na infancia e na adolescencia, da que aprendeu o significado das cousas, hai espacio tamén no libro da Luz e as súas cicatrices

         No reino da choiva
esta tarde
este sol tersamente
a nacer
nas follas da laranxeira.
A horta da avoa
arrecende
toda luz.
Translúcida memoria.
Inocente
clarividencia húmida
que fundou este lugar
de ausencia.

E aínda este outro:         

A carón
do camiño
sentada
nunha cadeira
por mor
das súas
pernas
varadas,
miña avoa
voaba
á caída
da tarde
cos miñatos.
Dicíame
se queres
lévote
comigo,
dende
arriba
os homes
son
como formigas.

E xunto a avoa da que aprendeu as cores e os froitos, o sentido da vida, o valor das estacións, a ler nas augas, sempre, a nai, como referente inmediato do amor, da tenrura, da salvación

“Non cabe
         Esa flor salgada
         No meu peito.
         Miña nai chora ou ri
         Coma un río,
         E sálvame.
         Eu son nena
         E ben sabe ela
         Que o mar
         Nunca desemboca,
         Anega”

(Poema de Paisaxe do baleiro)

Eu veño de rematar o traballo previo de escolma de textos para unha antoloxía da poesía galega que teña que ver coa carpintería de ribeira e as embarcacións e decidín que o último poema sería este no que Eva, no libro da Luz e as súas cicatrices, invoca á nai:

“Nai,
         Parten as naves e hei de ir
         Ata que os dedos do soño cesen
         De tecer as augas”.

Ser conscientes da morte fainos ser conscientes da vida, cando menos da súa precariedade, da súa condición fuxidía, dese tempo suspensivo que, en calquera caso, esvaece como auga entre os dedos. Eva sempre foi consciente disto e tamén da corrente vital que flúe nela, máis alá do tempo ou allea a el. Ao longo do seu devir como poeta e tamén ao longo da súa vida, -e debo lembrar que nela poesía e vida son unha mesma cousa-, Eva sempre tivo presente ás mulleres que lle deron os dons da emoción e da palabra, emoción e palabras coas que ela desvela o misterio, cos que nos agasalla a todos na evidencia da luz, esa luz que é, outra vez, revelación, no último poema deste libro que hoxe presentamos:

         Só esa luz,
rendida,
que humilde chega
ante unha porta,
mira dentro e descubre
no escuro,
os tarecos cotiáns da divindade.

Este é, pois, un libro que, sendo moi especial, se alimenta da propia natureza de Eva; libro no que Eva advirte que a nai, a quen xa escribira mentres a tivo aquí, forma agora parte íntima de si, sangue xa do seu sangue, alento do seu alento, raíz, porque na dor do baleiro consumouse a absoluta comuñón, a revelación do azul como a cor do teixo que alumea a noite da ausencia, luz estremecida na transparente presenza do que amamos.

RAMIRO FONTE: OS LEOPARDOS DA LÚA

OS LEOPARDOS DA LÚA E AS GADOUPAS DA NOITE
A vida e a morte son, xunto co amor, a esencia da condición humana, alimento da literatura, as tres feridas invocadas por Miguel Hernández no seu poema. A morte sacudiu con violencia á literatura galega nos últimos anos, sobre todo porque foron varias as perdas de autores novos falecidos prematuramente: Lois Pereiro, Xoán-Manuel Casado, Xela Arias, Fiz Vergara Vilariño, Luisa Villalta, Ramiro Fonte ou Marcos Valcárcel.
Todos marcharon antes de tempo, no momento de dar os seus mellores froitos e, malia isto, todos deixaron escrita unha obra de enorme calidade e xa madura, o que doe aínda máis, xa que nunca saberemos o que cada un deles podía chegar a agasallarnos.
O caso de Ramiro Fonte é un dos máis significativos. Autor dunha obra intensa en verso e prosa, estaba no momento de nos ofrecer o mellor de si. Eu coñecino polo libro de poemas Designium, publicado en 1984. Nese ano Ramiro merecería o premio da crítica galega e en 1988 o da española.
A primeira novela súa que lin foi Os leopardos da lúa, agora reeditada por Galaxia, é a cuarta dunha traxectoria narrativa, iniciada en 1988 cun clásico: Catro novelas sentimentais.  
O título Os leopardos da lúa, dállo a Ramiro un verso dun poema de W.B. Yeats. Son tres as partes nas que se estrutura a novela: No claustro, Marabillas e Pénúltimas estrelas. No seu momento esta obra foi considerada como unha novela que reflicte o proceso de formación e de educación sentimental da xeración que viviu a cabalo entre o franquismo e a democracia. E si, poderíamos pensar a primeira parte na liña da Educación sentimental de Flaubert. Pero a novela tamén é un thriller de sombras, no que o protagonista Daniel Linde vese enleado nunha trama misteriosa que condiciona a súa vida, entregado a unha paixón sen horizonte, rodeado dunha ampla e rica galería de personaxes e, sobre todo, condicionado polo eco dun nome, O Capitán. Novela para gozar, un deses textos que o lector non pode deixar e polo que sacrifica horas de sono

miércoles, 2 de febrero de 2011

Álvaro Cunqueiro entre aniversarios

                        ÁLVARO CUNQUEIRO ENTRE ANIVERSARIOS
                                                          
Quere vostede ser feliz lendo un libro? Colla algunha das novelas de Álvaro Cunqueiro, lea e deixe que o engaiolen a humanidade dos personaxes, a capacidade do autor para crear mundos, a maxia da narración, os retrincos da lingua e a fascinación das imaxes. Non importa que xa as lera, volva a elas e atopará, aínda, máis felicidade.

Quere emocionarse coa percepción do sutil e do non evidente? Quere conter o alento na suspensión do instante? Quere penetrar no universo das cantigas e dialogar con mitos medievais? Lea ou escoite a poesía de Cunqueiro e, se cadra, a vida xa non será igual, porque terá accedido a un territorio a salvo da crispación e a crise.

Quere sorprenderse, divertirse, participar da fábula? Quere compartir historias cos amigos? Quere rir ata escachar? Busque nos libros de relatos de Cunqueiro, en particular Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes e seguro que o corpo lle pedirá a Escola de menciñeiros.

Quere coñecer o seu país e descubrir algún trazo particular do lugar no que vive? Lea os libros de artigos de Cunqueiro El Pasajero en Galicia ou Los otros caminos.

Quere saber a razón pola que para os galegos, as partes do porco teñen nomes que semellan os das provincias do Imperio Romano? Quere comprender o noso ser a través da cociña? Velaí a literatura gastronómica de Cunqueiro, en particular Viaje por los montes y chimeneas de Galicia, de autoría compartida con J. M. Castroviejo.

Quere saber que sucedeu en Elsinor? Pois acuda á representación da obra O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, da compañía Sarabela.

Van 100 anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro e 30 do seu falecemento. Boa ocasión para ler a obra toda, galega e castelán, deste extraordinario escritor que comprendeu a importancia dos soños e, tamén, que a literatura axuda a un existir máis intenso e máis pleno.   

martes, 28 de diciembre de 2010

CARTA A FERNANDO PÉREZ-BARREIRO NOLLA

CARTA A FERNANDO PÉREZ BARREIRO-NOLLA
                                                          
(Fernando Pérez-Barreiro Nolla, naceu en Ferrol en 1931 e faleceu na súa casa de Lancaster o 3 de xaneiro de 2010. Intelectual comprometido con Galicia e coa súa lingua, a súa versión de Macbeth significou, no ano 1972, a primeira tradución de Shakespeare ao galego. Xunto con Teresa Barro, a súa dona, recibiu o premio nacional de tradución de libros infantís e xuvenís, pola súa versión de As aventuras de Alicia no país das marabillas.  Traballou na BBC e en organismos internacionais como a Organización Mundial do Café, participou na creación do Grupo de Traballo Galego en Londres e o seu labor como tradutor foi recoñecido con premios como o Pedrón de Honra, o Plácido Castro ou a Medalla Castelao. Académico correspondente da RAG era colaborador habitual deste xornal)  

Querido Fernando:
Pasou un ano sen ti, agora ben, iso de que viviras en Inglaterra, primeiro en Londres e ultimamente en Lancaster, lévame con frecuencia a engano, non só a min, tamén a outros amigos cos que compartía e comparto o cariño por ti. O engano é que, ao non estar afeitos a te ver todos os días, seguimos pensando que estás alá e que, en calquera momento, mandarás un correo ou farás unha chamada anunciando que vides, ti e Teresa, a pasar uns días, ben por un congreso, para recoller un premio ou pola simple razón de vos reencontrar co voso país e cos moitos amigos que aquí tedes.
Na casa, a esta sensación da que che falo, contribúe o feito de que Maribel volve a ver con frecuencia, no seu arquivo fotográfico, os retratos que vos fixo, a ti e a Teresa, e as fotos nas que estamos os dous, ti e máis eu, paseando polo canal en Londres, na badía de Morecambe ou en Compostela. Tamén que, no arquivo do meu correo electrónico, segue aberta unha referencia co teu nome e, de cando en vez, releo as túas mensaxes, sobre todo as que me enviaches nas últimas semanas do ano 2009 e, en particular, aquela na que me dicías que os teus amigos Julián Tembrás e Paul Manserg pasaran por Lancaster a estar contigo e despois marcharon cada un polo seu camiño. Non sei, penso agora que había no teu xeito de contar algo semellante a unha intuición, canto máis leo a mensaxe máis me decato de que había alí un ton semellante a unha despedida, algo que, daquela, non souben apreciar. Dicíasme nun dos últimos correos, que andabas a voltas cos labirintos de William Blake, que moita ledicia e moita inquedanza che daban ao mesmo tempo, confesando que falaras diso con  Paul, quen non compartía ese gusto teu polo poeta escuro, que para el era vicio. Coidabas ti que lle tiña medo e recoñecías que non era para menos. Con Paul tentei iniciar correspondencia semellante á que mantiña contigo, falando sobre todo de poesía, pero xa sabes que non é constante e que gusta de se ausentar. Andará polos lagos de Cumbria, paseando por aquelas paraxes tan súas e que tamén ti chegaches a amar. Saberás que o libro que me agasallaras, The great modern poets, segue sendo compañía constante que me permite afondar na poesía inglesa da que ti tanto gustabas e, ao tempo, facer prácticas con esa lingua que se me resiste.
Nicolás e Jose, os amigos do Diario de Ferrol, continúan traballando co entusiasmo que ti apreciabas, aínda que botan moito de menos as túas colaboracións. Non esquezo o compromiso que adquirín contigo de escribir unha serie de artigos sobre a natureza, ao xeito do teu admirado Edward Thomas, falarei con eles por ver se teñen cabida no xornal.
 Xulio Ríos, que anda por aquí, decidiu xuntar aos teus amigos o vindeiro 7 de xaneiro en Baiona. Alí estaremos con Teresa, no IGADI e arredor de ti. Falei estes días con Manuel Bragado, quen me asegurou que Edicións Xerais editará as túas memorias para a primavera. Sei da alegría que producirían en ti estas novas, por iso chas conto. Nevou estes días moito en Inglaterra, supoño que dende a casa de Ashworth Mansions veranse ao lonxe as montañas nevadas. Pola noite escribireiche un correo electrónico, dando conta destas e doutras cousas. Agora recibe esta aperta entrañable.

lunes, 20 de diciembre de 2010

poetas contemporáneos

Dende Bos Aires, Gustavo Tissoco convoca aos poetas do mundo a participar no seu espacio dedicado aos poetas contemporáneos. Hai pouco convidounos a participar escribindo un poema en resposta a unha imaxe proposta por el. Esta foi a proposta que eu fixen:

http://mispoetascontemporaneos.blogspot.com/2010/12/consigna-de-diciembre-poema-de_01.html

E este o acceso ao seu blog

http://mispoetascontemporaneos.blogspot.com/

Polas terras de Fiz

POLAS TERRAS DE FIZ

                                                          
Dende a primavera chamaban por nós as terras de Lóuzara, o territorio íntimo de Fiz Vergara Vilariño. Eran as dez da mañá do mércores 8 de decembro, cando saímos para Sarria. O día amencera con chuvascos e néboas e pensamos que a climatoloxía condicionaría a excursión. Agardaban por nós María Casar e Xerardo Alvaredo, activistas da Asociación Cultural Ergueitos e da memoria do Fiz.
Aínda chovía cando de Sarria marchamos para Samos e tamén cando subimos cara Aira Padrón, o lugar no que se sitúa a primeira das instalacións que forman parte do percorrido artístico-emocional do Fiz polo seu val xabreiro de Lóuzara. A néboa esfiañábase nas abas dos montes que circundan o val louzarín e, nese intre, deixou de chover. Ao longo das horas que durou o percorrido, o tempo foi coma unha paréntese entre orballos, un agasallo do día de decembro, coma se o alento do Fiz contivera a chuvisca e a brétema.
Maribel e Xerardo son fotógrafos e os dous souberon apreciar, gozar e retratar a limpeza da luz, as pingas acesas pendurando das pólas, as cores do outono serodio, a fermosura desa paraxe pola que transcorre, de fito en fito, o roteiro do poeta que tan ben cantou a súa paisaxe en versos fondamente humanos. Comentabamos, María e eu, que eles gardarían memoria do detalle percibido a través do obxectivo, mentres que nós abriamos moito os ollos para que nos entrara neles tanta natureza e tanta frescura.
Unha tras outra sucedíanse as pezas artísticas, sempre á beira dos versos do poeta. Cada peza dun artista: Xesús Otero Yglesias, Manuel Buciños, Primitivo Lareu, Álvaro de la Vega, Miguel Marcía, Violeta Bernardo, Mónica Alonso, Paco Boy, Fernando Yáñez, Daniel Caxigueiro, Manuel Caamaño, Eduardo Valiña e Paco Pestana. Cada peza unha sorpresa, unha emotiva interpretación do espacio e do instante e con elas, os poemas de Fiz Vergara Vilariño, debullando esta poética xeografía sentimental dun escritor que soubo conxugar o amor polo seu eido coa intensidade vivencial, dándolle aos versos o carácter de cántico vital do home.
Con Imelda e Irene, as irmás de Fiz, visitamos a casa e a Fonte da Cova, e estivemos no interior do muíño onde o poeta muiñeiro escribiu algún dos seus poemas: ¡Ai de min que me acho senlleiro,/ xunto ó vello muíño,/ a che tecer unha coroa de soños e lembranzas,/ e pan centeo da derradeira fornada!
Varios son os valores que se conxugan neste espacio presidido polo rumor constante do río Lóuzara, espacio tan próximo a ese Courel que se intúe e ao Incio polo que as serras procuran a chaira. Sen dúbida, o primeiro é o natural, conxugado co etnográfico, universo de aldeas miméticas coa contorna, de camiños abertos entre arboredos, de lameiros e prados de recendo mineral, de suspiros de garza e exhibición de merlos acuáticos. Está logo a forza e a palabra do Fiz, o valor dos seus versos que agromaron no vizoso alento deste aire e desta terra, que expresaron o sentir do seu corazón. Integradas nelas as pezas escultóricas, cada unha interpretando un poema, cada unha integrándose nun medio singular: un outeiro, sobre un río, nun souto, nunha fonte, ao pé do río, anunciando unha fervenza ou unha encrucillada. Hai que engadir o valor gastronómico, con productos locais dos que Cunqueiro escribiría un tratado e Otero unha oda; e aínda o afectivo, que se percebe a cada paso, ese afecto e ese entusiasmo cos que os membros de Ergueitos fixeron posible este proxecto, único no noso país, e que vén sendo coma unha aperta de amor.  
Deixamos o paraíso de amor no vento mudo e despedímonos de novo en Sarria. Alí, e como convocada tamén ela ao abrazo, regresou a chuvia.

martes, 7 de diciembre de 2010

SER TI

               

                                                           A Marcos Valcárcel
                                                           Madrugada, 7 de decembro de 2010


Estabamos todos, xuntos pero deixados
de ti, desvalidos e ausentes,
extraviándonos no serán de decembro,
na confusión do abrazo.

Pé das burgas estabamos todos
arredor do teu acio
de amor, pero buscándote,
prendidos na calor,
pero estrañándote.

Iso lembro do soño.

No amencer
procurei teu alento no límite da luz,
o teu perfil
nos recunchos dun eco.
Chamei por ti e sentín
o agarimo do teu sorriso ceibe,
a harmonía da túa voz de estirpe,
a lentura da túa palabra
xa transformada en min,
en nós, nun corazón sen tempo,
en min, en nós,
coma candea que debuxa a esperanza,
para nunca ser febles,
para nunca ter medo.
En nós, na alegría maior
de terte e de ser ti. Sempre.