1.- FERNANDO
Non todas as persoas teñen a calidade de ser unha e varias, ao tempo; de se identificar cunha cerna íntima, coherente e firme e, ao tempo, abrirse ou ofrecerse coma unha árbore ou un cristal, en múltiples facetas, que enriquecen a visión do mundo. Algo así era Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol 1931- Lancaster 2010). Algo diso expresaron algunhas das voces que o evocaron nos días que seguiron ao seu pasamento en Lancaster, no mes de xaneiro de 2010. Gentleman, cun certo aire de axente secreto, persoa sumamente intelixente, xeneroso, vital, cun grande sentido do humor, membro dun posible corpo diplomático galego, comprometido con Galicia e coa súa cultura e, ao tempo, crítico. Poderiamos concretar todo isto e dicir que Fernando era un intelectual do seu tempo; licenciado en dereito que exerceu durante anos como redactor nas emisións radiofónicas da BBC; lúcido analista da situación política internacional; tradutor que mereceu o premio Nacional de Tradución de libros infantís e xuvenís do ano 1985, xunto con Teresa Barro, pola versión do libro de Lewis Carrol As aventuras de Alicia no país das marabillas, pero que tamén nos abriu a fiestra ao horizonte da poesía chinesa ou que traduciu a Shakespeare por vez primeira ao galego; impulsor do Grupo de Traballo Galego en Londres, que no momento necesario reflexionou sobre a implantación do ensino en galego; políglota; académico correspondente da Real Academia Galega; recoñecido con Pedrón de Honra (2005), Premio Tradución da Consellería de Cultura e Deporte (2007) e Medalla Castelao (2009), Fernando era un cabaleiro galego, tal e como afirma Teresa Barro, a súa compañeira da vida, era tamén amigo dos amigos e, sobre todo, poeta.
2.- A POESÍA
É o propio Fernando, nas súas Memorias, quen recoñece a importancia que, desde a adolescencia, tivo para el a poesía. Xa mozo e estudando en Compostela, ao tempo que se esforza nas materias máis complexas da carreira de Dereito, afírmase nun mundo paralelo de sensibilidade e emocións, íntimo e propio, non mesturado cos personaxes da vida académica nin coas institucións.
Fernando escribía poemas desde a adolescencia, actividade que exerceu durante toda a súa vida. Porén, agás nos anos composteláns, tempo no que participou nas Festas Minervais e cando entregou algúns orixinais para seren publicados na revista Aturuxo, a súa obra mantívose inédita, coa excepción dalgún poema dedicado a un amigo e publicado por este, como é o caso de Xosé Luís Franco Grande, quen na edición de 2004 do seu libro Os anos escuros, inclúe o poema “EPÍSTOLA MORAL A FRANCO”, dedicado por Fernando e escrito en 1993. É este un poema longo, o máis longo de cantos lle coñecemos, composto por 156 versos distribuídos en 13 estrofas de medida irregular, primando as de 9 versos. Nel o autor conversa con Franco Grande dende Londres, arredor dunha experiencia vital anterior relacionada co proselitismo galeguista. Franco, no seu libro, cualifica o poema como “desconcertante”, e seríao para el, que quizais non chegou a albiscar o sentido que Fernando lle daba a expresión como frautistas e ratos, por exemplo. A ese poema pertencen estes dous fragmentos:
......................................
“London, poema longo, adiviñanza
en que me perdo e encontro cada día,
sedela de pesca nunha tarde longa
que trae verdades con escama húmida
ao caer a tardiña. Volta á casa.
Trinta anos nestes ollos misteriosos
que serven para ver como os dos cegos.
Músicas das esferas nos recunchos
de parques que me falan amodiño”
.............................................................
London, poema longo, adiviñanza,
tiras o azougue de espellos cativos,
trasme de novo aos vivos. Xa ves, Franco,
aquí sigo, xogando. Xogando neste xogo
que nin gaño nin perdo, porque iso
son xogos de frautistas e de ratos.
E eu so noutra cousa. Mas no medio do xogo
agradezo esaxeros amistosos. Remato.
Non culpes ao país: teñen nome os culpables”
Responde este poema a un tipo de poesía da que gustaba moito, ou que el prefería. Trátase deses poemas nos que a voz individual do poeta, amais de afondar nas circunstancias de si mesmo en canto home, asume tamén a responsabilidade de se transformar na voz da colectividade. Advertía el que ese xogo era moito máis frecuente na poesía inglesa ou irlandesa que noutras. Lembro varias conversas sobre Seamus Heaney -do que el escribira xa un longo artigo en 1985, no diario La Voz de Galicia- e esa capacidade do premio Nobel de 1995 para reproducir ese xogo do que Fernando tanto gustaba. Recordo, en concreto, unha mañá na que paseando por Lancaster, comentamos o poema de Heaney “A estrada de Toome”, no que non se dá unicamente ese xogo do que el gustaba, senón tamén un forte contraste entre violencia e inocencia: Unha mañá cedo atopei carros blindados/ en convoi, cantarolando sobre potentes pneumáticos,/ todos camuflados con pólas partidas de ameneiro,/ e soldados con auriculares de pé nas torretas./ Canto tempo levaban achegándose aos meus camiños/ como se lles pertencesen? Todo o país durmía... A tradución é de Vicente Araguas. Eu falei moito de poesía con Fernando, mantiñamos tamén un periódico intercambio epistolar a través do correo electrónico, no que ese era o noso tema principal de conversa. Dende que o coñecín intuín que non só era tradutor e bo lector de poesía, senón que tamén escribía, logo cheguei a confirmalo, pero aínda nese momento, non fun quen de albiscar a dimensión da súa vocación como autor e o volume da obra que gardaba, cousas que descubrín cando axudei a Teresa Barro a ordenar as Memorias e, en particular, a completar o último capítulo que el non puido rematar e que leva por título: Reflexións sobre a poesía.
Para Fernando, a poesía era a realidade primaria do ser humano, así o expresou en máis dunha ocasión. Opinaba que aínda que non houbese poetas, habería poesía agardando por un primeiro explorador que a descubrise. Axiña intuíu que ser poeta non é, exactamente, actuar mimeticamente, facendo o que fan os poetas, senón que a pedra de toque de quen pretende dedicarse á poesía, é comprobar se un fala ou non dunha realidade distinta, se ao autor se lle abriu ou non a xanela pola que ve un mundo que reclama a súa expresión singular e única, en definitiva, a descuberta da voz propia. O poeta debe descubrirse como tal a si mesmo nun océano de poetas. Dese descubrimento derívase a reflexión ou a experiencia que debe levar do que Yeats chamaba emocións iniciais ao que denominaría responsabilidade posterior, xa que “o xogo rexoubante” de lanzar emocións contra o muro da realidade exterior, non dura moito.
O pensamento poético de Fernando era consecuencia dunha vida enteira dedicada á poesía. Como xa se dixo, dende a adolescencia escribiu poemas, en principio influído polas vangardas, imitando a Rubén Darío, lendo a Lorca, aprendendo en Vento Mareiro de Ramón Cabanillas, un libro principal co que conviviu moitos anos; emocionándose coa descuberta de Rosalía, Curros e Pondal, autores dunha obra para el transcendente e que o acompañarían sempre, ao tempo que se abría a outras voces que se expresaban noutras linguas.
Como dicía, a Fernando non lle deu tempo de rematar o capítulo sobre a poesía que, no seu proxecto, ía ser o último das súas Memorias. Deixounos uns primeiros parágrafos nos que explica a súa opinión sobre esa realidade que era para el algo máis ca un xénero literario, porque para el a poesía era tamén un xeito de vivir. Pretendía logo ir debullando poetas, poemas e libros que foran determinantes na súa vida.
Seguro que, de ter oportunidade, tería falado alí de William Blake e os seus labirintos, que moita ledicia e moita inquedanza lle producían, de feito sabemos que foi este un dos últimos poetas que leu, quizais o derradeiro, voz á que volvía cada certo tempo. Habería espazo para John Keats e William B. Yeats, poetas aos que regresaba cando precisaba alento para continuar. Supoño eu que demoraría nese “Chuchulain consolado”, un dos últimos do poeta irlandés, tamén premio Nobel, que remata con este fermoso verso: “...cambiaran as súas gargantas e agora eran gargantas de paxaros”.
Gustaba el de camiñar polos lagos de Cumbria, compartindo o paseo cos versos de William Wordsworth, Samuel T. Coleridge e Robert Southey e, nalgunha ocasión expresou que unha das cousas que máis pracer lle causarían, sería lerlle, á beira dos lagos, os poemas de Rosalía a John Ruskin.
Importante foi para el Noriega Varela, poeta, segundo se dicía en Viveiro, de maneiras tan finas que semellaba portugués, tal e como lembra nun capítulo das Memorias, autor que leu por consello do seu tío Pepe, o presbítero, pero tamén Aquilino Iglesias Albariño, Luís Pimentel, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos e, por suposto, Xosé Luís Franco Grande e Bernardino Graña, cos que, na mocidade, deambulaba polas rúas de Compostela falando de poesía. É o propio Franco Grande quen lembra que na convocatoria das Festas Minervais do ano 1955, foron premiados os tres, xunto con Blanco Losada e Edmundo Escariz Vázquez.
Pero, ademais, como esquecer a súa intelixente lectura de W.H. Auden ou de T.S. Eliot e a admiración que sentía polo tratamento da natureza de Edward Thomas?
Como herdanza, quédannos, entre outros, o texto publicado no diario La Voz de Galicia o 18 de abril 1985, referido a Seamus Heaney e ao que xa fixemos referencia, e outro escrito cando o centenario de D.H. Lawrence e publicado o 19 de setembro do mesmo ano, no que analiza as razóns polas que a literatura galega elixiu como modelo ao católico Joyce, en lugar do protestante Lawrence, que, na súa opinión, iría moito máis co noso ser, artigo que remata con esta reflexión: Galicia escolleu hai tempo a Joyce. Na realidade social xa estaba aí, aínda que en forma algo atenuada no medio rural polo bon sentido camponés, e moito máis acentuada na ridiculez vilega e cidadana. Despois, nos reducidos círculos intelectuais foi escolla decidida. Probablemente polo vicio enraigañado de apuntarse “á última”, que tantas veces nos levou e nos leva a facer os experimentos que xa están feitos. Lawrence é o antídoto. E non estaría mal aproveitar o centenario, non para facerlle homenaxes en público, senón para pensar na casa e ver de tomar en serio o espírito e as súas exixencias; para combatir, no cabo e remate, a complacencia, mol e fachendosa a un tempo, que nos condena a morte. Salientar, tamén, os seus traballos de crítica sobre a poesía chinesa contemporánea, pola que sentía particular curiosidade e admiración e que el traduciu para todos, abríndonos unha fiestra a esa cultura milenaria, ata hai pouco tan afastada de nós.
3.- DA TRADUCIÓN
Fernando coñecía e respectaba as linguas. Hai unha anécdota divertida, que el contaba con graza, que explica como era esa relación coa fonética, a prosodia, a entoación e a música das linguas. Sucedeu que a BBC encargáralle a Yehudi Menuhin unha selección de pezas de música clásica para editar unha colección destinada a un público amplo. Cada disco iniciábase cunha entrada do propio Menuhin, explicando as características e importancia da peza proposta. A colección sería editada en varios idiomas europeos, entre eles o español e Menuhin debería falar en cada unha das linguas propostas. Porén, el estaba preocupado, xa que non dominaba o ritmo e a música do castelán, razón pola que a BBC decidiu poñerlle un profesor, elección que recaeu nun redactor que traballaba na radio, de nome Fernando Nolla, que así era coñecido na emisora e que sabía de linguas. Comezaron as clases nas que, á maneira de ensaios, Menuhin aprendía a cadencia de cada unha das frases que debería pronunciar. Sen embargo, achegándose o día da gravación e sentíndose inseguro, preguntoulle ao seu profesor se este podería dirixilo mentres falaba no estudio diante dos micrófonos. Fernando aceptou. Pautaron os textos e, chegado o momento, un Fernando con batuta e diante dun atril, dirixía a Yehudi Menuhin, indicándolle con exactitude non so o ritmo, senón, sobre todo, a entoación de cada frase. Eu dirixín a Menuhin!, contaba logo con rexouba.
Ese coñecemento e respecto recoñecidos tanto polos responsables da BBC, como polo “director dirixido”, había que aplicarllo á súa relación con todo o ser das linguas, con atención especial ao traballo de tradución, polo que Fernando sentía unha grande atracción e, ao tempo, un respecto absoluto.
Consciente da dificultade do oficio e, sobre todo, da dificultade de traducir poesía, Fernando reflexionou e escribiu, tentando aportar a súa achega e compartir debate cos compañeiros tradutores. A propósito dunha comunicación sobre a tradución da métrica, tomando como referencia a súa experiencia co Macbeth de Shakespeare, recoñecía a crecente dificultade que entrañaba o texto segundo o tradutor se afastaba do nivel léxico, recoñecida no tratamento da sintaxe, converténdose en incertezas ao enfrontar as figuras retóricas e reducíndose o campo de visión ao chegar á métrica, cunhas conclusións que escapan do marco teórico.
Na súa opinión, as presentacións teóricas máis correntes, como o concepto de equivalencia, naceron no nivel léxico e, sendo problemáticos de seu, fanse aínda máis problemáticos ao iren subindo de nivel as estruturas que demandan seren traducidas.
Non é moi ricaz, pois, a colleita de escritos sobre a tradución métrica. Os principios da equivalencia formal e da equivalencia dinámica, rozan o problema sin pararse moito nel. Incide a máis a cuestión da aceptabilidade ou normalidade da expresión na lingua de destino, fronte ao mantimento do exotismo ou alienidade do orixinal. A procura dunha resposta do lector da tradución que sexa semellante á resposta do lector que le o texto na súa lingua orixinal e compartillada, tan tentadora en teoría, amósase pouco práctica e cría máis problemas dos que resolve para o tradutor literario, e sobre todo, para o tradutor de poesía e, no que agora nos concerne, para o tradutor de Shakespear, poeta dramaturgo.
Na súa opinión, a tradución intercultural ou a importancia de ter en conta as diferenzas de cultura, é tema importante na reflexión teórica sobre a tradución, aínda que non esclarece moito a cuestión de se debe traducirse a métrica ou non. Aconsella el acudir a traducións dos clásicos do grego e do latín, nas que o problema é semellante e formaliza a súa proposta na tradución que el realizou do Macbeth, versión galega en verso semellante ao utilizado por Shakespeare, tras realizar unha fonda análise da versificación do autor inglés.
4.- OS SEUS POEMAS
Mentres non se acomete o traballo de edición da súa poesía completa, e como aproximación á mesma, inclúense, a continuación unha breve selección de poemas escritos por Fernando e, ata agora, inéditos:
ES TI
¿És ti, amor, quen expira neste couto?
Debes ser, porque és fráxil e dependes
dos tixolos vermellos desa casa
da esquina, que hai dous meses derrubaron.
Dos carteis que ainda vexo, os mais caíron
en xiróns empapados de augas turbas,
das pontes reemplazadas tantas veces,
pouco máis permanentes do que o río.
Como ti trata en menudecias áxeis
e convírteas en formas que non morren
ou non queren morrer e fan punxente
o ar das despedidas e os encontros.
És amor, sí, pois fuches encontrado
ou conferido, non gañado, certo,
non herdado, non sei, porque na neboa
dos séculos aínda son novício.
Cinco lustros de ollos non abondan
para abrir o que pode sondar fondo,
ese pozo onde está o tesouro todo.
Agarrado nos días da cidade
ámoa e sufro porque é corto o día.
Norte, amor,
xa non teño que che diga,
non teño cousa en min que a tin non vaia,
olla pra min, xeado na campía,
irto entre as herbas, morto no valado.
Norte, amor,
xa non teño melodías,
a miña ispida frouma esta rachada.
Vou pra ti e veño nesta treboada
e non sei onde estás nin si te teño.
Amor, meu norte, cume que non vexo,
norte, amor, pedra aimán, lume no cume,
dondo norte no vento, con ergueito
nunha costa ruxinte que me bota
sempre de novo a istas mouras ondas.
Norte, amor, norte,
berro que non chega,
barco que non arriva,
norte, morte, no fin,
MAZAROLIÑO
Tanto tempo tentando tratativas,
tanto ver si a ver si vendo vese....
¡Ei ven o tempo de mazar o liño!
Acabou, e xa está. Veñan os ventos.
E sexa o que quixer.
Vinde, miñatos, que foi moita a espera.
¡Ei ven o tempo do liño mazar!
A empezar, pois, criaturas dos carreiros,
Quedade por aí, meus bois da espranza,
lentos de mais na encosta dos desexos.
¡Ei ven o tempo, rapazas do Miño!
E alá vamos, por fin, sin Deus por diante.
¡Ei ven o tempo de estroupelear!
Os poemas que seguen, teñen como elemento común a carricanta. Fernando, posto na tesitura de ter que elixir entre formiga e carricanta, optaba por esta, xa que se identificaba coa súa vocación de cantar.
Baixando desde A Toca ás Enviadas,
alí estaba, no medio do camiño,
poliédrica e chea de razón puntiaguda,
verde campante desafío ao mundo.
“É a carricanta” –díxome o meu pai
apontando có ferro do caxato.
E alí encontrei o meu destino certo.
“Quero ser carricanto cando eu medre”
E aquí estou, entre a Toca e As Enviadas,
Entre Camden e Putney,
Entre Innsbruck e Sölden, no Ótztal,
Cantando sempre, o Carricanto.
Sölden, baixando do Stallwiess Alm,
22 de agosto de 1994
Morreron os saltóns
¡Tantos que había!
A herba alta, sin eles, tan parada.
E pensando, pensando, xa hai ben tempo
que as miñas primas carricantas faltan.
Eu que pensaba andar abrindo estirpe
ainda vou ser o último carricanto.
O carricanto encontra ao Lagarto
Non foi nada, meu ben, foron feridas
leves. Non, no corazóns non, que é verdade e duro.
No rabo, non importa. Nascin lagarto ha pouco
O rabo de reposto, meu ben, e ben garrido.
Millor que aquele outro, din e digo.
¡Ei, pola laxa adiante! Lagartadas
que ven e ven. No sol duro do vran
confortos do penedo, meu irmán.
O carricanto vello destragouse
Por non saber as contas, xa na escola,
E despois, e asi sempre.
Por pensar que, si cadra e Deus da sorte,
Dous e dous serán tres, ou tal vez cinco.
Motivos de estragarse non lle faltan
A ninguén nestes mundo. Citaba a Salomón
Que tíñase perdido –diz o Libro-
Por excesivo amor polas mulleres.
Pero el non era rei nin millonario
E as contas facíanllas os outros.
Multiplicando sempre, a vida cuase toda,
Até chegar no fin a hora da resta,
Conta final, a resta, a resta sempre...
Ensinoume esta lingua
E ensinoume a cantar. En gloria estexa.
Galzig, St. Anton, Xullo 1995
O CARRICANTO TRANSCENDENTAL
Que queres que che conte, se as historias
xa están todas contadas, menos unha;
e eu non son quen para contala ainda,
improbable profeta que se esconde
nas sebes, nas canteiras, nas congostras,
por non contar o que só sabe a medias,
o que non quer nunca saber de todo.
Deíxame en paz... pero non me condenes
a non cantar, porque sinon eu morro.
4.2.96
CARRICANTOS DO MUNDO, XUNTADEVOS!
Carricantos do mundo, xuntádevos xa, veña;
Non tedes que perder mais do que xa perdíchedes.
Xuntarse carricantos quer dicer, xa sabedes,
Cantar e mais cantar, cada un no seu cantiño,
Seu cantar cadaquén, cadaquén os seus élitros;
E o mundo pesa mais e tamén pesa menos
Con ese canto noso, e voan os penedos
Sen sair de onde están, e se pasman as cobras
E fitan os miñatos a sua preia sen presa.
Todo anda parado e todo para andando.
E entón e cando os carricantos pregan
A quen os deu, ao que inventou o canto.
17 xulho 96
Os que á terra voltaron sen teren recibido
promesas que albiscaron nas mañanciñas frescas
veñen a perguntarme nas noites sen estrelas.
E non sei que decirlles agora que xa pouco
pode faltarme, carricanto vello,
para irme sen ver a terra prometida
a esa outra terra negra e xa sabida.